Sede electrónica Concello de Camariñas

04:20:53 Martes 27 de febreiro 2024

Información

TESOURERIA

22/12/2023

Modificación de ordenanzas fiscales: IBI

EXP: 2023/G016/000005

ANUNCIO PUBLICADO NO BOP Nº 243 DE DATA 22/12/2023

Aprobación definitiva da modificación da Ordenanza fiscal nº 1, reguladora do Imposto de Bens Inmobles ( IBI)

 

 O Pleno do Concello, na sesión extraordinaria celebrada o 27 de outubro de 2023, aprobou provisionalmente a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles.

 

Durante o período de exposición ao público non se formularon reclamacións, elevándose a definitivo o acordo provisional adoptado relativo á modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI, de conformidade co establecido no artigo 17.3 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, polo que entrará en vigor unha vez publicado este anuncio no Boletín Oficial da Provincia, sendo de aplicación a partir do 01/01/2024.

 

De conformidade co artigo 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, contra ditos acordos poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados dende o día seguinte ao da publicación destes acordos no Boletín Oficial da Provincia, sen prexuízo de calquera outro recurso que os interesados estimen procedente.

 

O texto íntegro da Ordenanza Fiscal modificada é o seguinte que se transcribe a continuación:

 

 

“ORDENANZA FISCAL Nº1, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES

 

Artigo 1.- Fundamento legal.

Segundo o establecido no artigo 15.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello acorda o exercicio das facultades que lle confire a dita lei no relativo a fixación dos elementos necesarios para a determinación de cotas tributarias do imposto sobre bens inmobles, previsto no artigo 59.1 a) da referida lei.

Artigo 2.- Elementos da relación tributaria fixados pola lei

A natureza do tributo, a configuración do feito impoñible, a determinación dos suxeitos pasivos e da base de tributación, a aplicación dos beneficios tributarios, a concreción do período impositivo e nacemento da obriga de contribuír ó devengo, así como o réxime de administración e xestión, regúlase consonte o establecido na Subsección 2.ª, da Sección 3.ª, do Capítulo II do Título II da citada Lei reguladora das facendas locais.

Artigo 3.- Tipos de gravame

De acordo co establecido no artigo 72 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, establécense os seguintes tipos de gravame:

En bens inmobles de natureza urbana, o 0,65 por cento.

En bens inmobles de natureza rústica, o 0,70 por cento.

En bens inmobles de características especiais, tipos de gravame diferenciados (art. 72.2):

- Grupos de bens destinados á produción de enerxía eléctrica e gas e ó refino de petróleo e as centrais nucleares, o 1,3 por cento.

Artigo 4.- Exencións por criterios de eficacia e economía

De conformidade co previsto no artigo 62.4 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, decláranse exentos deste imposto en razón de criterios de eficiencia e economía na xestión recadatoria do tributo, os inmobles cunha cota líquida que non supere as seguintes contías:

- Bens inmobles urbanos: 1 euro.

- Bens inmobles rústicos: 1 euro.

Artigo 5.- Declaración e ingreso

As alteracións relativas a bens inmobles susceptibles de inscripción catastral que teñan transcendencia para os efectos deste imposto determinarán a obriga dos suxeitos pasivos de formaliza-las declaracións correspondentes no Catastro inmobiliario de acordo coas normas reguladoras

Artigo 6.- Bonificacións potestativas

En virtude do artigo 74.4 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, aplicarase unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto, para os bens de natureza urbana, a favor daqueles suxeitos pasivos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, previa solicitude do interesado e previa acreditación por parte do mesmo desa condición, sempre e cando os bens inmobles sobre os que se pretenda aplicar a bonificación non teñan un valor catastral superior ós 100.000 euros.

Os suxeitos pasivos que pretendan obter a bonificación regulada neste apartado, deberán presentar unha solicitude antes do 31 de decembro do ano anterior ao período impositivo en que se pretenda que surta efectos.

Coa mesma deberá achegarse o orixinal ou copia cotexada de título de familia numerosa expedido polo órgano competente.

A bonificación concedida só surtirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión, debendo solicitarse a prórroga nos seguintes períodos impositivos, achegando de novo a documentación que acredite que se seguen cumprindo os requisitos para a súa obtención.

Disposición Final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir do día 1 de xaneiro de 2024, continuando en vigor ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.”

 

 

En Camariñas, 19 de decembro de 2023

 

A Alcaldesa,

 

 

Sandra Insua Rial.

 

 


Xustificantes de Publicación: